Regresar

Había unha vez, no noso cole, unha idea que comezou a camiñar amodiño, coma se fan as cousas importantes. Naceu dentro dos Polos Creativos e tiña un soño claro: volver mirar ás mans que durante séculos deron forma á historia de Galicia.

Así empezou unha viaxe polos oficios artesáns tradicionais, eses que gardan a memoria do noso pobo. O alumnado converteuse en investigador, aprendiz e creador, descubrindo como traballaban os artesáns e artesás, por que o facían así e que relación teñen estes oficios coa sostibilidade, a creatividade e o mundo actual. Non só aprenderon con libros, senón tamén coa experiencia, tocando, probando e sentindo.

E como en todo bo conto, chegou un final moi especial. Coincidindo co Día das Letras Galegas, o proxecto transformouse nunha feira tradicional galega, chea de vida, de saberes compartidos e de encontros entre pasado e presente. Un espazo onde distintas áreas do coñecemento déronse a man e a nosa cultura brillou con luz propia.

Ao rematar esta historia, os nenos e nenas comprenderon algo moi importante: que as mans, cando traballan con enxeño, respecto e dedicación, poden manter vivo un legado que nos pertence a todos. E así, entre aprendizaxes e emocións, seguiron escribindo unha pequena parte da nosa historia colectiva.

Para os nosos artesáns: 

Querémosvos agradecer de corazón as vosas master class e todo o que compartistes connosco. Grazas a vós puidemos comprender mellor a maxia dos vosos oficios e descubrir todo o que hai detrás de cada creación feita coas mans e co corazón.

Fixemos xoias magníficas, barro no torno, xogos de madeira feitos a man, aprendemos a facer redes, vimos como se traballa o cristal, como se crea un cesto, descubrimos a maxia do crochet e toda a súa versatilidade, a paixón polo coiro e todas as posibilidades que ofrece… incluso iniciámonos na palillaría.

En definitiva, foi un proxecto cheo de aprendizaxes, emocións e moita maxia, que dificilmente esqueceremos.

Grazas de corazón aos nosos artesáns. Deixastes pegada en nós e sempre vos lembraremos.

Ao longo do curso traballamos cos seguintes artesáns:

Infantil: Alfombras de flores

1 EP: Cesteiros (Suso)

2 de Primaria: Artesanía Téxtil (Salomé)

3 de Primaria: Oleira (Lucky's Bakes.)

4 EP: Madeira (Nando Artesano)

5EP: Xoieros (Carlos)

6 de Primaria: O encaixe de Camariñas (Dory)

1ESO: Redeiras

2 ESO : Lutieres (Rivas)

3 ESO: Curtidores / Coireiros (Yoldi)

4 ESO: Cristal