Regresar

En 2025 comezamos con dous clubs de lectura, un para Primaria e outro para Secundaria fora do horario escolar. Concretamente o de primaria e os xoves de 14:00 a 14:30 e o de secundaria os martes de 15:30 a 16:15.

Cómpre salientar o éxito de ambos, xa que están completos. No caso de Primaria, participan case 30 nenos e nenas en horario de 14:00 a 14:30.

Nestes espazos experimentan, len, comparten recomendacións, escriben, representan obras de teatro e practican a oratoria, fomentando así o gusto pola lectura e a expresión oral e escrita.

Algunhas das actividades que levamos a cabo nos nosos clubs.

Despois de ler os libros Matilda e Harry Potter, o alumnado do club de lectura realizou unha actividade de adaptación teatral baseada nestas obras. Nesta proposta creativa, os estudantes organizáronse en dous grupos e traballaron na redacción dos seus propios guións, reinterpretando as historias e personaxes dos libros para levalas ao escenario. Aquí pódese observar o proceso de elaboración e o resultado do traballo colaborativo de cada grupo.

 
 

Con motivo da celebración do Samaín, o alumnado do club de lectura de primaria preparou unha actividade de narración oral na que seleccionaron e adaptaron diferentes contos de medo. Os propios membros do club encargáronse de ensaiar as historias e de poñerlles un toque persoal para facelas máis atractivas e axeitadas para o público infantil.

Esta proposta permitiu que compartisen a súa creatividade e desenvolvesen a expresión oral, ao tempo que se convertían en contacontos para os máis pequenos do centro, creando un ambiente lúdico e participativo arredor desta celebración.

 

Pola súa parte, durante o primeiro trimestre o grupo de alumnado da ESO familiarizouse coa obra do mestre do conto Horacio Quiroga. A natureza breve e autoconclusiva das súas narracións facilitou que en cada sesión do club de lectura se puidese realizar a lectura dun dos seus relatos e, a continuación, comentar e analizar diferentes aspectos da historia.

Estas sesións serviron para reflexionar sobre os temas presentes na súa obra especialmente a relación entre o ser humano e a natureza, a tensión e o suspense, así como para compartir impresións, interpretacións e opinións entre o alumnado. Deste xeito, o club converteuse nun espazo de diálogo e intercambio arredor da lectura, fomentando o gusto pola literatura e a participación activa do alumnado.

No segundo trimestre adentrámonos no marabilloso mundo do teatro. Como primeira toma de contacto co xénero, comezamos traballando pezas breves, como sainetes e entremeses, que permitiron ao alumnado coñecer as características básicas do texto dramático, a estrutura dos diálogos e a importancia da posta en escena.

A medida que avanzamos, fomos incorporando obras de maior complexidade. Na actualidade, o alumnado está a achegarse a clásicos do teatro e da literatura española, como La Celestina e Fuenteovejuna. A través da lectura, comentario e interpretación de fragmentos, os estudantes non só coñecen o argumento destas obras, senón que tamén reflexionan sobre os seus personaxes, os conflitos dramáticos e o contexto histórico e social no que foron escritas. Desta maneira, o club de lectura convértese tamén nun espazo para descubrir e gozar do teatro.